Friday 19 de April de 2024

Inés Rey: “Neste mandato devolvemos o orgullo á cidade da Coruña, recuperando o liderazgo e o diálogo coas administracións”


A alcaldesa arrincou o curso político facendo balance do mandato e fixando as prioridades ata o 2023, moi centradas na recuperación económica e na mellora dos servizos públicos

Rey explicou que o desconto do 30% no prezo do autobús, que se aplicarán desde mañá, non require de solicitude previa ou trámite algún por parte dos usuarios do servizo

Adxudicados os traballos para a creación dunha glorieta no cruzamento de Ramón y Cajal e a avenida do Exército, as obras de reforma do Rexistro e aprobada a licitación das novas Bolsas USA para o curso que vén

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, fixo esta mañá balance do mandato neste inicio de curso político. “Neste mandato devolvemos o orgullo á cidade da Coruña, recuperando o liderazgo e o diálogo coas administracións” sinalou. Rey marcou ás proridades para o curso político e explicou as novidades coas que arranca, entre elas a rebaixa do prezo do bus, que se aplicará a partir deste xoves, 1 de setembro.

A rexedora explicou que a rebaixa suporá para as persoas usuarias do bus urbano pasar de 0,75 euros a 0,52 euros por viaxe coa tarifa xeral e de 0,23 a 0,16 coa tarifa social. O desconto aplicarase directamente, sen necesidade de facer ningunha xestión previa, para todas as persoas usuarias da tarxeta Millennium. Inés Rey animou ás persoas que utilizan o autobús a empregar a tarxeta Millennium para gozar destes descontos, que aplícanse en virtude das axudas concedidas á cidade polo Goberno de España para o fomento do transporte público.

Rey quixo lembrar que o seu Goberno municipal solicitou outra rebaixa adicional do 20 % á Xunta de Galicia, unha vez aprobada a solicitude desta subvención ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Esa segunda axuda suporía a rebaixa do 50 % do prezo orixinal do billete, sumándose ao 30% xa concedido polo Goberno central. “Por agora non temos resposta da Xunta sobre a concesión da rebaixa, como tampouco sobre a reunión con Alfonso Rueda despois de 100 días dende a súa chegada á Presidencia” explicou a alcaldesa. “Non sabemos se a resposta é que non ten nada que dicirlle aos coruñeses e coruñesas” sinalou, “mais seguiremos insistindo en darlle traslado de todos os asuntos pendentes nesta cidade, así como na solicitude da rebaixa para poder chegar ata o máximo desconto aplicable”, dixo a rexedora.

O mandato, recordou Rey, estivo marcado pola pandemia e polas consecuencias da invasión de Ucraína. “Pese aos atrancos, está a ser un mandato de avance e de cambio no modelo de cidade, con importantes investimentos e melloras nos servizos para a transformación da Coruña”, sinalou Rey. “Este é un proxecto que non se pode levar a cabo nun só mandato” explicou, “mais en tres anos fomos quen de demostrar que a nosa vontade é transformar a Coruña nunha cidade modelo, máis aberta e inclusiva e coa reactivación económica e social como eixos de acción xunto cun modelo de cidade máis sostible”.

O Concello da Coruña, nos últimos tres anos e medio, actuou en máis de medio centenar de rúas e prazas para gañar espazo peonil e acadar melloras urbanísticas. En total, foron máis de 50.000 metros cadrados de actuacións de distinto tipo. Neste sentido, a mobilidade está a ser un dos eixos centrais do Goberno de Inés Rey. Este verán estreouse o novo servizo de BiciCoruña, que xa conta con máis de 1.500 novas altas e acadará o medio centenar de estacións de servizo nos próximos meses. Na actualidade, A Coruña conta con máis de 50 quilómetros de carrís bici ou vías ciclables que “continuaremos estendendo con actuacións xa licitadas ou adxudicadas como a reforma da travesía de Fernández-Latorre ou Gregorio Hernández e a avenida da Habana”, apuntou Inés Rey.

No que vai de mandato o Concello leva executadas 452 actuacións de mellora na cidade, con 40 en marcha a día de hoxe e batendo un fito de fondos no capítulo de investimentos deste ano 2022. “Levamos un mandato de grandes investimentos públicos, mais tamén de reactivación económica no sector privado, un mandato no que levamos concedidas preto de 1.500 licenzas urbanísticas, a maior cifra en máis dunha década, e no que as licenzas de actividade non deixaron de crecer, cunha maior axilidade na concesión e unha considerable mellora na xestión, que nos permite sumar dous anos aboando en tempo e prazos aos nosos provedores, algo que non acontecera nunca desde que se rexistran datos”, dixo Inés Rey.

Inés Rey insistiu en que este está a ser “o mandato da recuperación, pero tamén das persoas, como demostra esa rebaixa do prezo do bus que aplicamos desde mañá”. Este ano acadouse a maior cifra en investimento social con 27,5 millóns de euros. Este ano, ademais, será o terceiro consecutivo no que as familias disporán das Escolas Infantís Municipais gratuítas. O servizo público de Emprego do Concello conseguiu no que vai de mandato a inserción laboral de case un milleiro de persoas.

Neste mandato desbloqueáronse tamén grandes infraestruturas, destacou Inés Rey, como o tren a Langosteira, a dragaxe da ría do Burgo e os avances para a construción dun novo hospital. “Nada disto se podería conseguir sen diálogo con outras administracións e cos distintos grupos políticos, pensando úicamente na mellora da cidade da Coruña e da vida dos coruñeses e coruñesas”. Nese marco, a rexedora apuntou que “dos 179 asuntos debatidos en pleno aprobáronse 178, 59 deles por unanimidade, o que mostra que este é un Goberno centrado no diálogo e no acordo coas diferentes forzas políticas, co único obxectivo de acadar a mellor cidade para os seus veciños e veciñas”.

A rexedora lembrou que o Concello mobilizou durante a pandemia 20 millóns de euros de recursos propios para facer fronte á crise, sendo a primeira administración en actuar e dar apoio a milleiros de autónomos, pequenas empresas e cidadáns. O Goberno de Inés Rey, ademais, conseguiu mobilizar case 30 millóns de euros de fondos europeos, entre os que se atopan os 12 millóns do IDAE para a renovación de toda a iluminación pública da cidade ou os 10 millóns acadados dos fondos Next Generation.

Para este novo curso político, Inés Rey márcase como obxectivo “continuar traballando na recuperación desta cidade, centrando as políticas nas persoas”. “Toca seguir mobilizando todos os nosos recursos para seguir reactivando a nosa economía e facer deste cidade unha urbe aínda máis atractiva, impulsando investimentos como a Cidade das TIC e insistindo na educación, na axuda social e na inserción laboral como eixos principais para unha mellor calidade da vida dos coruñeses e coruñesas”, dixo Inés Rey.

Glorieta en Ramón y Cajal
Nese sentido, a Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá aprobou a adxudicación do proxecto de remodelación dos cruzamentos da rúa Ramón y Cajal e da avenida do Exército, onde se creará unha glorieta que mellorará a calidade da circulación viaria e a mobilidade peonil e ciclista na zona. Este proxecto contará cun orzamento de 542.000 euros e estará cofinanciado con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través das axudas Next Generation da Unión Europea.

Este proxecto enmárcase dentro das políticas do Goberno Inés Rey da mellora da circulación en puntos clave da cidade, posibilitando tamén unha maior integración de alternativas sostibles como a bicicleta. A actuación supón unha mellora integral do cruzamento e intégrase na rede de vías ciclables que xa se renovou en Ramón y Cajal, dando continuidade e favorecendo esta mobilidade alternativa. A nova glorieta suporá ademais unha mellora do tráfico, unha mellora da accesibilidade e as comunicacións coas rúas próximas, a renovación de materiais por outros máis resistentes e duradeiros, a ordenación dos aparcadoiros e a mellora das instalacións da zona.

Por outra banda, a obra tamén servirá para humanizar a contorna da nova glorieta, coa instalación de xardineiras en diferentes espazos, catorce novas árbores de folla perenne e dez bancos de madeira. A reforma incluirá melloras en materia de accesibilidade, con beirarrúas máis amplas e de novos materiais.

Esta glorieta complementa a outra creada no 2020 no cruzamento entre Ramón y Cajal e Pérez-Arda, tamén integrada na contorna con avances na accesibilidade peonil e no tránsito de bicicletas. A iso hai que engadir a renovación do carril bici de Ramón y Cajal, executado no 2021, que supuxo unha mellora da seguridade das persoas usuarias.

Bolsas USA
Por outra banda, a XGL tamén aprobou esta mañá a licitación do programa educativo municipal das Bolsas USA para o curso 2023/2024. Esta medida permitirá dispoñer dun mínimo de 50 bolsas para que o alumnado coruñés curse o 1º de Bacharelato en Estados Unidos.